Teléfonos: 986 30 30 32 · Escola Infantil: 986 39 26 33

  • social media
  • social media

Normas convivencia

Na educación transmítense e exercítanse valores que fan posible a vida en sociedade e adquírense hábitos de convivencia e respecto mutuo.

As NORMAS son necesarias para propiciar o clima de responsabilidade, traballo e esforzo, que permita obter os mellores resultados do proceso educativo e adquirir os hábitos e actitudes imprescindibles para a educación da persoa.

NO DÍA A DÍA

Os alumnos deben respectar o Proxecto Educativo e o Carácter Propio do Centro.

Constitúe un DEBER:

  1. Asistir a clase con puntualidade. Se algunha vez falta ao colexio ou chega tarde, os pais deberán dar unha posterior explicación ao titor/a ou comunicalo previamente.
  2. Participar nas tarefas orientadas ao desenvolvemento dos plans de estudo.
  3. Cumprir e respectar os horarios aprobados e o Calendario Escolar.
  4. Seguir as orientacións do profesorado e mostrarlle o debido respecto e consideración.
  5. Participar e colaborar na mellora da convivencia escolar e na consecución dun adecuado clima de estudo no Centro, respectando o dereito dos seus compañeiros á educación.
  6. Respectar as normas de organización, convivencia e disciplina do Centro.
  7. Conservar e facer un bo uso das instalacións e materiais didácticos do Centro.
  8. Lembra que para saír do Centro en horario escolar é imprescindible a autorización dos teus pais ou titor legal.
  9. Durante os recreos os alumnos deberán permanecer no patio, non nos corredores ou aulas, a non ser con permiso do profesor.
  10. Toda a roupa dos alumnos de Educación Infantil deberá vir marcada, ao igual que a mochila que non debe levar rodas.
  11. Trae o material necesario para o traballo da clase. Os alumnos de Infantil traerán tamén un conto e dúas fotos tamaño carné.
  12. Fai chegar aos teus pais, puntualmente, os avisos orais ou escritos que se che confíen no Centro.
  13. Cando algún alumno/a incumpra algunha norma do Centro en canto a organización, disciplina… terá unha falta de orde.

 TRATO COS COMPAÑEIROS

Compórtate de tal maneira que as túas palabras, xestos, escritos… nunca firan a sensibilidade dos demais.

Na comunicación tenta chegar a un acordo co diálogo e a escoita.

Evita as pelexas en todo o momento: son signo de pouca educación e falta de respecto.

Sé sincero, respectuoso e colaborador con eles.

Esfórzate por descubrir nos teus compañeiros/as as súas cualidades e dillas.

Traballa en equipo con interese, colabora e axuda a que todos participen.

Constitúe un deber a non discriminación de ningún membro da comunidade educativa por razón de nacemento, sexo, raza ou calquera outra circunstancia persoal ou social.

RELACIÓN CO ENTORNO

No Comedor:

  1. Os alumnos incorporaranse á fila do comedor na que estarán en orde.
  2. Unha vez no comedor observarán a disciplina e a orde que require tal lugar. Boa compostura e dilixencia ao recoller a comida e coidará do material e alimentos.
  3. Deixará limpo o lugar que usou, tanto mesa como chan, evitando non abandonar restos de comidas, utensilios, etc.
  4. Controlará o ton da conversa, evitando gritos que molesten aos demais comensais.
  5. Non se poderá sacar comida do comedor, nin volver entrar unha vez abandonado o mesmo.
  6. Ningún alumno se ausentará do comedor sen permiso do profesor nin sen terminar todo o da bandexa.

Nas Clases aproveita o tempo ao máximo: utiliza adecuadamente os espazos (roupeiro, servizos) atende, estuda,…

Nos Desprazamentos para ir ao patio, comedor, laboratorio, plástica… non molestes aos que están traballando, evita gritos e carreiras para favorecer a orde.

Procura manter limpos os locais que usas e os lugares polos que pasas. Non tires papeis no patio, corredor, aulas…Cada cousa no seu momento.

No Colexio está PROHIBIDO:

  1. Utilizar o móbil. En caso de uso, requisarase durante unha semana.
  2. Comer pipas, chicle,…
  3. Fumar é ilegal. Será causa de expulsión.

O colexio non se responsabilizará dos obxectos de valor que os alumnos traian ao centro e se extravíen.

Os alumnos deben coidar e utilizar correctamente os bens mobles e as instalacións do centro e respectar as pertenzas dos outros membros da Comunidade Educativa.

Os alumnos que individual ou colectivamente causen dano de forma intencionada ou por neglixencia ás instalacións do Centro ou o seu material, quedan obrigados a reparar o dano causado ou facerse cargo do custo económico da súa reparación. Igualmente os que subtraeren bens do Centro deberán restituír o subtraído. En todo caso, os pais ou representantes legais dos alumnos serán responsables civís.